Thursday 02 de May de 2024

Unha observación astronómica con Jorge Mira e unha conferencia da arqueóloga Ana Isabel Filgueiras pechan o ciclo Un mes e pico a vindeira fin de semana


 

O venres, Mira vinculará a ollada ao firmamento desde o Pico Sacro, que precisa inscrición previa, coas lendas e a historia xacobeas

O ciclo cultural Un mes e medio do Concello de Boqueixón culmina esta fin de semana cunha actividade de observación astronómica a cargo do físico Jorge Mira e cunha conferencia sobre a tradición oral do xacobeo coa arqueóloga Ana Isabel Filgueiras.

Todas as actividades do ciclo cultural Un mes e Pico son de carácter gratuíto. Por motivos de organización, recoméndase inscrición previa no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón, a través do teléfono 981 513 061 ou do enderezo electrónico boqueixonturismo@gmail.com.

Observación astronómica
A observación astronómica está programada para este venres 28 de xuño a partir das 23:00 horas no Pico Sacro. Trátase dunha proposta gratuíta aberta a todo tipo de públicos que precisa anotación previa no Concello. O propósito é facer ver a relación entre as lendas e a historia xacobea e a ollada ao firmamento. O físico de Baio, catedrático de Electromagnetismo na Universidade de Santiago, describirá como a lectura das estrelas serviu desde a antigüidade para sinalar os camiños de peregrinaxe, servindo de guía e unión cultural no territorio europeo.

Conferencia e recital de piano
A conferencia de Ana Isabel Filgueiras, titulada O Condado de Lupa no territorio Montesagro, terá lugar na capela de San Sebastián o sábado 29 de xuño a partir das 20:00 horas. Filgueiras, especializada desde hai décadas no legado cultural da tradición oral no noroeste peninsular, explicará como o Condado de Lupa, pagán e cristián a un tempo, foi tamén poboado con arquitecturas pensadas para o retiro e a contemplación. Neste contexto sitúa os santuarios e fontes santas, os cenobios e outros elementos.

Tras a conferencia está programado un recitan de piano ofrecido por Sofía Carbajales, tamén na capela de San Sebastián no Pico Sacro. Deste xeito, o Concello de Boqueixón apoia novos talentos emerxentes do propio municipio no ciclo Un mes e pico, unha das súas propostas culturais máis senlleiras.